Comentarios
Manuel Gómez Román foi unha das figuras de maior sensibilidade e de personalidade máis acusada no campo da arquitectura galega contemporánea, un arquitecto que construíu máis de 2000 obras, a maior parte en Vigo e os seus arredores, moi ligado a un dos grandes sistemas da cultura galega, o barroco, porque para el a orixinalidade debía de basearse na tradición, na orde e no gusto, achegando estilisticamente o edificio urbano ao pazo rural e relacionando a forma arquitectónica coa paisaxe galega.
Compaxinou as súas tarefas arquitectónicas coas angueiras políticas e culturais como secretario xeral do Partido Galeguista na época republicana e na clandestinidade e como vicepresidente da Editorial Galaxia e da Fundación Penzol.
Gómez Román viviu mergullado desde a infancia no mundo da arte e da técnica arquitectónica porque o seu pai foi un afamado construtor e seu irmán Benito, co que compartiu tarefas, era arquitecto. Gustáballe acompañar ao pai nas visitas ás obras que realizaba e contemplar o traballo dos artesáns da pedra labrada. Estudou o ensino primario e o bacharelato en Vigo e en 1892 iniciou en Madrid a carreira na Escola de Arquitectura, onde coincidiu con Antonio Palacios.
Debido a determinadas desavinzas profesorais regresou a Vigo sen concluír a carreira, pero exerceu como arquitecto sen título valéndose da firma do seu irmán e doutros técnicos. En 1908 gañou co seu irmán a segunda medalla correspondente á sección de Arquitectura, na Exposición de Belas Artes de Madrid e participou na preparación da Exposición Rexional de Santiago de 1909, na que interveu nos planos como axudante do arquitecto Antonio Flórez na construción do pavillón central, que tiña forma de T, con 65 metros de fronte e 45 de fondo. O corpo central destinábase a salón de festas e contaba cunha capacidade para acoller a 1500 persoas. Era, sen dúbida, o edificio emblemático do certame, coas súas dúas cúpulas laterais que flanqueaban a una central máis elevada. Tiña así mesmo un sorprendente parecido co pavillón construído no Parque do Retiro madrileño polo arquitecto Luís Bellido con destino á Exposición de Industrias Madrileñas de 1907. En 1910 foi elixido presidente da sociedade cultural viguesa La Oliva.
Home inquedo, Gómez Román viaxou por Europa para coñecer o máis novidoso das correntes arquitectónicas internacionais e en 1913 estableceuse na Arxentina, onde se abriu camiño traballando en empresas construtoras e poñéndose ao día da arquitectura modernista de Bos Aires. De regreso en Vigo, fundou e dirixiu unha academia de debuxo na que tamén exerceu de profesor e, consolidada a súa gran valía, decidiu retomar en 1914 a inconclusa carreira que remataría en 1917, logrando con brillantez o título de arquitecto.
Dos arquitectos da chamada arquitectura rexionalista, Gómez Román foi o único que desde 1920 asumiu o compromiso político co galeguismo. Impulsou o grupo liberal Liga de Defensores de Vigo, constiuído o 2 de xaneiro de 1922, o polo que sería elixido concelleiro en varias ocasións. En 1928 accedeu á presidencia do Ateneo de Vigo. Participou na creación do xornal do xornal El Pueblo Gallego, constituído en 1924, baixo a presidencia de Manuel Portela Valladares e vicepresidencia do arquitecto. Colaborou arreo con debuxos e caricaturas na prensa galega e escribiu numerosos traballos sobre as características da arquitectura galega.
En 1933 foi elixido membro do Seminario de Estudos Galegos e director da súa sección de Ciencias Aplicadas. Na III Asemblea do Partido Galeguista celebrada en Ourense en 1934 foi elixido secretario xeral mentres Castelao asumía a secretaría política. Participou en numerosos actos de difusión dos seus ideais, na campaña do estatuto de 1936 e mantivo a actividade do PG na clandestinidade.
Ao fundarse a Editorial Galaxia asumiu a vicepresidencia e tamén foi vogal da Fundación Penzol, cargos que ocupou ata o seu pasamento.
A proposta de Ángel del Castillo López, Francisco Vales Villamarín e Leandro Carré Alvarellos, en 1951 ingresou na Real Academia Galega co discurso titulado Arte y Arquitectura en Galicia pronunciando no Casino de Vigo diante dunha manchea de planos e maquetas, ao que lle contestou Ramón Otero Pedrayo. No seu discurso, Gómez Román asegurou que era un honor para Galicia que na obra sen par do Mestre Mateo cumiara o estilo románico, chegando á súa máis alta perfección ao propio tempo que imprimía galeguidade ás novas formas do oxival. Mais o espírito da galeguidade remaneceu forte e vibradoiro no Barroco
O poeta-arquitecto Domingo de Andrade labrou con pedras douradas o poema inxente da Torre do Reló, que ergue a súa silueta lanzal rañando o ceo compostelano. Ela deu, quizais, norma e inspiración para a obra que o seu herdeiro na nosa estima, O Mestre Casas Novoa, nos deixou como tesouro precioso no maravilloso tríptico da fachada do Obradoiro.
Como unha das súas moitas actividades académicas, Gómez Román e Ferro Couselo apoiaron a iniciativa de Fernández del Riego de propoñerlle ao pleno da Real Academia Galega a instauración do Días das Letras Galegas, que se celebrou por primeira vez en 1963 en honor a Rosalía de Castro.