Comentarios
Fuxan os Ventos
Terra de Soños
1.- Alalá da pena 02:02
2.- A costureira 03:52
3.- O meu amor é mariñeiro 04:08
4.- Ancares 04:36
5.- Nana para un amante 04:36
6.- Romance da lavandeira 03:23
7.- Canto de seitura 03:49
8.- Cantiga de berce 03:11
9.- As pachocas 03:25
10.- Cantar de cego 04:50
11.- Dáme lume 05:16
12.- O carro 03:14
13.- Brazos prá seitura 03:10
14.- O estraperlo 02:51
15.- O afiador 04:28
16.- Rorró 03:39
17.- O lobo 03:13
18.- Muller 05:35
19.- Iste vaise 04:52
20.- A Carolina 03:45
Non é esaxerado dicir que moitos aspectos da música actual de Galicia non se entenderían sen Fuxan os Ventos. Case dúas décadas despois de que o grupo fixese a súa última actuación, o espectáculo Terra de soños brindou ao público galego a oportunidade de gozar do esperadísimo regreso de Fuxan os Ventos aos palcos. Foi esta unha volta que xerou enorme expectación, tanto para os que viviran o nacemento da banda, alá polo ano 1972, e foran partícipes do compromiso que zumegaban as súas reivindicativas letras en galego, como para a seguinte xeración, aquela que medrou escoitando os casetes de Fuxan os Ventos dende o asento traseiro do carro paterno. Tanto uns coma os outros foron os que presenciaron a extraordinaria popularización de cantos tradicionais coma A Carolina e a transformación doutros como a Sementeira en auténticos himnos dun pobo.
Os dous concertos celebrados en Compostela os días 18 e 19 de outubro de 2008, e que logo tiveron a súa continuación noutras ciudades galegas, foron o xérmolo deste disco que agora ve a luz en formato digipack (CD+DVD). Aquela primeira cita no Auditorio de Galicia non supuxo un regreso calquera. Porque na escenificación da estreitísima vinculación entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do folque atópase o eixo que vertebra este Terra de soños: amáis das colaboracións dos máis destacados músicos do panorama galego actual, como Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Pepe Ferreirós, Rodrigo Romaní ou Nova Galega de Danza, que aportaron un novo sabor aos xa clásicos temas do grupo, Fuxan os Ventos contou co acompañamento dunha banda dirixida por Xosé Lois Romero (Nova Galega de Danza; Vaamonde, Lamas & Romero), artífice tamén dos arranxos instrumentais para este proxecto. Nesa banda figuraron músicos tan destacados coma Guillerme Fernández, Benxamín Otero, Roi Adrio, Simón García ou o cuarteto de corda Saiva Nova (Fernando Docampo, Iván Novo, Rosalía Vázquez e Sergio Sieiro).
Fuxan os Ventos foi, nomeadamente, un grupo comprometido coa identidade de Galicia e cos atrancos que esta sociedade tivo que superar ao longo da súa historia recente. Foron, e son, un grupo que soubo transmitir as súas letras de pólvora e chegar a todas as capas da sociedade e en galego, cousa impensable na metade da década dos setenta.
Con oito discos editados e una traxectoria de máis de trinta anos, Fuxan os Ventos xa traspasou fronteiras e xeracións. Porén, o recoñecemento e a posta en valor da súa achega á cultura galega contemporánea, dende una óptica renovada e actualizada, é hoxe cando se presentan máis que necesarios. Esa é a razón de ser deste Terra de soños.