Comentarios
Murguía, Revista Galega de Historia chega ao seu volume 50. Non é algo frecuente entre as publicacións periódicas do ámbito científico, galego ou foráneo. Para o caso galego, ademais, estamos diante dunha publicación única; atendendo á temática, á periodicidade, ao monolingüísmo en galego que se practica e ao tempo no que se leva publicando ininterrompidamente (case durante un cuarto de século).
Cando no ano 2001 se comezaron a establecer os primeiros contactos para crear o grupo promotor de Murguía, Revista Galega de Historia, asumiuse aquel traballo con suma seriedade e responsabilidade. O proxecto de dar lugar a unha revista cuadrimestral, singularmente en galego e centrada na historia de Galiza era algo que non existira no panorama editorial galego e que, de fracasar o proxecto, podería dar a impresión de que non había no país un público obxectivo interesado neste produto (ou que, mesmo habendo público interesado no mesmo, este non era suficiente cuantitativamente como para manter unha publicación das devanditas características no tempo; ou, incluso, que o tecido investigador galego, no ámbito da pescuda histórica, non era quen de producir novidades ao ritmo de edición dunha revista cuadrimestral). O certo é que, cando Murguía, Revista Galega de Historia saíu ao mercado, comezando a se distribuír nas librarías galegas, non contaba con asinantes e o único capital (en sentido amplo) que sostiña o proxecto era o que achegaban os membros máis comprometidos co mesmo.
A revista sempre tivo como referencias centrais, a nivel galego, Grial e A Trabe de Ouro, así como, a nivel español, as revistas Historia Social e Historia Contemporánea, nacidas ambas no 1988; e o grupo promotor de Murguía, Revista Galega de Historia pensou desde un primeiro momento que, se Grial e A Trabe de Ouro chegaran a existir e manterse no tempo (tendo presente que Grial nacera en pleno franquismo, por volta de 1951, sufrindo censuras múltiples desde a primeira xeira, na que dera lugar a catro cadernos-relanzándose logo a partir de 1963-; e que A Trabe de Ouro, nacida no 1990, tiña un perfil moi especializado, centrándose en artigos de pensamento galego, o que a afastaba de grandes públicos, mais aínda así unha e outra seguían editándose cun público moi fiel), esta daquela nova revista podería chegar, con moito traballo e sacrificio, a se manter no tempo no caso de principiar a súa andaina, como así foi.
A construción deste proxecto editorial foi máis alá e creouse, antes de máis, unha das primeiras páxinas web monolingüe en galego. Lémbrese que, unha vez elixido o nome da revista, o dominio www.revistamurguia.com foi rexistrado no ano 2002. De feito, a escala galega apenas había dous anos que nacera a web do xornal La Voz de Galicia; e sete desde que nacera Google. A primeira web da historia creárase nos EUA no ano 1991, da man de Tim Berners-Lee; e a primeira web galega creouna Xabier Canosa, desde a Universidade de Aberystwyth (Gales), alá polo ano 1995; ano este no que nacía o primeiro xornal dixital galego, Vieiros, da man de Lois Rodríguez, o seu editor (medio de comunicación no que a Murguía, Revista Galega de Historia tivo unha canle, na que presentaba un avance dos contidos de cada número da revista, en consonancia coa propia web da revista). En todo caso, cómpre lembrar, igualmente, que no cambio de século boa parte das institucións e entidades galegas non contaban cunha web propia e moito menos as revistas que se publicaban no país (e non era, por certo, moi distinta a realidade noutros territorios próximos).